jueves, 18 de febrero de 2010

Programación das IV Xornadas de Agroecoloxía de Ourense

Do 20 de febreiro de 2010 ao 27 de febreiro de 2010, Ourense
Venres 19 de febreiro: Presentación das Xornadas. Lugar: Casa da Xuventude, rúa Celso Emilio Ferreiro 27, ás 11:30 horas.

Sábado 20 de febreiro: Horticultura urbana. Fundamentos, técnicas e valores. Realizaremos un breve repaso a horticultura urbana, as súas orixes, as técnicas actuais e a pegada filosófica do movemento de horticultura urbana no mundo. Tamén presentaremos a recentemente formada Asociación Galega de Horticultura Urbana e os seus plans de futuro, e farase un pequeno obradoiro práctico de sementeira e cultivo en entornos urbanos. Participan: Ramón Paz, da Asociación Galega de Horticultura urbana. Lugar: Aula de Natureza de Oira, de 11:30 a 14:00 horas.

Agri – CULTURA: Actividades Culturais. Concerto musical de Uxía + Guadi Galego + Fred Martins, Coanhadeira e Ergom, que colaboran de forma altruísta en apoio das Xornadas de Agroecoloxía. Lugar: Teatro Principal, rúa da Paz 9, ás 20:00 horas. Prezo: 5€

Luns 22 de febreiro: O reto da soberanía alimentaria. Un dos obxectivos do Centro de Investigación de Leboso é o da dignificación da profesión de agricultor a través dunha experiencia que o pon en valor, recoñece a súa aportación á sociedade e á conservación do medio natural. O Centro de Leboso traballa por e para os agricultores, recuperando, seleccionado e mellorando sementes, dándolles formación e facéndoos partícipes dunha estrutura económica novedosa. Participan: Enrique Banet, da Fundación Galicia Verde. Lugar: Ateneo de Ourense, Salón de Actos, Rúa Curros Enríquez 1, ás 20:00 horas

Martes 23 de febreiro: Grupos de consumo responsable: a experiencia de Semente. Reunión informativa con persoas e colectivos da vila do Carballiño interesadas/os en montar un grupo de consumo local de produtos ecolóxicos. A través do camiño percorrido pola iniciativa ourensá "Semente", exploraremos diferentes maneiras de organizármonos na busca dunha forma máis responsable de cubrir as nosas necesidades alimentarias. Participan: Alice Alonso e Laura Seco, da Asociacion de Consumo responsable Semente. Lugar: Casa da Cultura do Carballiño, ás 20:15 horas

Mércores 24 de febreiro: Mesa redonda do leite. A vaca sempre foi parte da cultura galega, mais a tradicional imaxe de vacas a pacer está pronta a desaparecer da nosa paisaxe. A produción intensiva, a carencia de industrias propias, a perda de mercados, a concorrencia con outras rexións resultante da política agraria da UE está levando á case total extinción dun sistema de vida, polo que para reverter esta situación, apostamos por producións tradicionais, ecolóxicas e locais. Participan: Xosé Manuel G. Santiso, coordenador do Séctor Lácteo do SLG. José Luis Carrera Valín, de Arqueixal, e Broder Fernández-Obanza, de Casa Grande de Xanceda. Lugar: Centro Social A Esmorga, rúa Telleira 9, ás 20:00 horas

Xoves 25 de febreiro: Proxección do documental Earthlings. Este documental ofrécenos unha visión global e en profundidade da nosa relación cos demais animais naqueles ámbitos nos que os utilizamos como mascotas, comida, entretemento, vestiario e investigacións científicas, cunha total falta de respecto aos animais. Lugar: Biblioteca Publica de Ourense, ás 20:30 horas

Venres 26 de Febreiro: Agroideoloxía. Díse do surtido de ideoloxías, dende o independentismo ate o anarquismo, que orbitan e propoñen liñas de actuación social en torno ao AgroEcoloxismo. Mesa redonda que centra o seu debate na defensa dun Agro Ético-Responsable, visto dende a óptica de todo o espectro ideolóxico galego. Participan: Analía Moares, de Amigos da Terra; experiencias de permacultura: Chozas; Maria Bagaria, de Sem um Cam; Izquierdo, do movemento libertario, e Alice Alonso, d'A Esmorga. Lugar: Centro Social Sem um Cam, Rúa do Vilar 9, ás 20:00 horas.

Sábado 27 de Febreiro: Banco de sementes. Mercadiño de troco de sementes ecolóxicas. Pretendemos favorecer a recuperación e conservación das variedades tradicionais de plantas que foron mantidas dende sempre polas/os nosas/os agricultoras/es locais. Participan: invitamos á participación de todas as veciñas e veciños. Lugar: Parque Infantil do Polvorín (Barrio do Polvorín), de 11 a 14:00 horas.

Agroexposición: "Retratos da Sustentabilidade”. Vintenove fotografías de 15 estudantes de primeiro curso de Fotografía da escola “Antoino Failde” retratan o medio rural dende diversos puntos de vista, pero co fío condutor da agroecoloxía. A exposición “Retratos da Sustentabilidade” pretende achegar a realidade do mundo rural á sociedade dende distintos puntos de vista, amosando fórmulas de desenvolvemento e relación co “medio” diferentes. Lugar: CHOU-Hospital Provincial, na sala de Consultas Externas, dende o 23 de febreiro ao 12 de marzo.

No hay comentarios: