miércoles, 23 de diciembre de 2009

O Apalpador


Disque un vello xigante, de oficio carboeiro, na noite do 24 de decembro, baixaba das devesas até as aldeas e apalpaba as barriguiñas dos cativos.

Se estaban cheas dicía: "así, así esteas todo o ano" e deixaba unha presa de castañas. Se non... calaba, pero as castañas tamén as daba.

Pra sosegar aos rapaces, bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, os pais cantábanlles:

Vaite logo, meu meniño
marcha agora pra a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña

Xa chegou o día
grande día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.

Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.

Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
pra dárvo-lo aguinaldo.

lunes, 7 de diciembre de 2009

A que cheira a morte?


A morte cheira a augardente e a viño da Ribeira Sacra, a noces, figos e a mazá madura; cheira a tregua, aos ventos da emigración... e ao mesmo tempo, cheira a auga fresca.

A morte non cheira a flores, pero igualmente cheira á montaña; porque a morte non é boa, máis tampouco é mala.

A morte cheira a vida cando a vida cheira a morte.

...claro que en cada casa a augardente, o viño, as noces e até a iauga cheiran diferente.

martes, 1 de diciembre de 2009

¡¡COIDADO, NADAL!!


Houbo un tempo no que a xente era feliz simplemente cun teito onde refuxiarse, co bandullo cheo, e cunhas condiciós de saúde axeitadas.

No momento no que nos países desarrollados estas necesidades básicas son cubertas pra un porcentaxe moi elevado da sociedade, pra que queremos máis?

Con esto nace unha nova necesidade para o mercado máis avaricioso; a necesidade de facer crer a sociedade que o innecesario, é necesario.

Os nosos hábitos de consumo cambiaron e así naceu o consumismo; tan destructivo para cada un de nós, e sobre todo, para a nosa terriña.

*Aos tradicionais, que coma min, celebran o nadal... disfrutai, cantai panxoliñas, bebede e comede, que esa é a verdadeira tradición, e non a que dende principios de novembro nos amosan nos medios de comunicación e nos grandes almacenes.