Disque un vello xigante, de oficio carboeiro, na noite do 24 de decembro, baixaba das devesas até as aldeas e apalpaba as barriguiñas dos cativos.
Se estaban cheas dicía: "así, así esteas todo o ano" e deixaba unha presa de castañas. Se non... calaba, pero as castañas tamén as daba.
Pra sosegar aos rapaces, bulideiros pola inquedanza da chegada do Apalpador, os pais cantábanlles:
Vaite logo, meu meniño
marcha agora pra a camiña
Que vai vir o Apalpador
a apalparche a barriguiña
Xa chegou o día
grande día do noso Señor.
Xa chegou o día grande
e virá o Apalpador.
Mañá é dia de cachela,
que haberá gran nevarada
e há vir o Apalpador
cunha mega de castañas.
Por aquela cemba
xa ven relumbrando
o señor Apalpador
pra dárvo-lo aguinaldo.